Nigrán volve a sumarse ao
CEDIDA // Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia en Nigrán nunha edición anterior.

O Concello de Nigrán súmase por segundo ano consecutivo ao ‘Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia’ cun acto este sábado 29 de outubro ás 12.00 horas no Cemiterio Municipal de Nigrán no que se honrará cunha ofrenda floral a tumba do ilustre escritor Carlos Casares (ao que se lle dedica en 2017 as Letras Galegas) e a do mestre republicano José Vázquez Grela, fusilado en Nigrán e a quen se consagrou o ano pasado.

A esta homenaxe, aberta a toda a veciñanza e organizada dende o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Nigrán, está previsto que acudan os familiares.

“Neste día no que promovemos o uso do galego en tódolos eidos queremos recordar a Carlos Casares porque, como veciño de Nigrán que foi, representa a un dos máis grandes escritores en lingua galega; co seu traballo revalorizou, dignificou e elevou ás máis altas cotas de beleza o noso idioma”, sinala o alcalde, Juan González, quen avanza que o municipio “entregarase” para festexar as Letras Galegas na súa honra.

Se o ano pasado se trocou ao galego a lápida de Vázquez Grela, nesta ocasión instalaranse novos letreiros na entrada do camposanto que substituirán aos actuais por “Cemiterio Municipal de Nigrán” e “Concello de Nigrán 1927”. Asemade, os ramos de flores da ofrenda levarán unha cinta co lema “en galego, agora e sempre”.

“As lápidas dos camposantos amosan o pouco uso que se lle da ao galego en termos formais e administrativos. Se contamos que máis do 66,11% dos maiores de 65 anos utilizan exclusivamente o galego para comunicarse, os nosos cemiterios non dan fe deste dato. Só unha minoría consciente utiliza a súa lingua habitual nos seus actos fúnebres “, sinala Estela Suárez, a técnica de normalización lingüística do Concello. Os datos son elocuentes: só unha de cada mil lápidas está escrita en galego; e unicamente un 2% das necrolóxicas publicadas nos xornais está redactada no noso idioma. Consciente desta situación, Suárez recompilou os epitafios e recordatorios máis comúns para entregar esta lista en galego aos negocios de Nigrán relacionados indirecta ou directamente cos enterros (floristarías, seguros, marmolarías…). “Moitas veces, cando falece un ser querido e desexamos recordalo en galego, atopamos erros ortográficos nas necrolóxicas ou nas coroas de flores. Con esta recompilación queremos ofrecerlle aos negocios un modelo que lles sirva para orientar aos clientes na elección e para eles mesmos non cometer erros. É común que teñan as diferentes opcións escritas en castelán, pero non en galego, e o simple feito de ofrecelo no noso idioma fará que a xente contemple esta posibilidade”, considera.
Este Día de Restauración da Memoria Lingüística está promovido pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e o ano pasado, por vez primeira na súa historia, o Concello de Nigrán sumouse. Ademais de traducir a lápida de Grela, nesa ocasión tamén se descubriu unha placa na entrada ao camposanto co lema “En memoria de todas as persoas que aquí xacen, porque grazas a elas, Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”. Posteriormente os asistentes, encabezados polo alcalde, asinaron as súas derradeiras vontades, nas que deixaron por escrito a decisión de que unha vez falecido a súa liturxia sexa en galego.

“Continuaremos sumándonos ano a ano porque cremos de verdade na política de normalización lingüística, por iso creamos este departamento específico que traballará para incrementar o uso da nosa lingua e para que sexa do 100% na administración”, finaliza González.