Normalidade nos Centros de Saúde tras dimitir os seus Xefes de Servizo
CEDIDA

A renuncia en bloque de 22 Xefes de Servizo dos Centros de Saúde da Área de Vigo, entre eles o de Gondomar, Tui, Baiona, A Guarda e Panxón, non tivo consecuencias visibles para os usuarios dos centros, funcionando a xornada de hoxe con normalidade. Non sendo a folga convocada polo sindicato médico galego O´MEGA , a capacidade de organización dos centros e a planificación da xestión dos mesmos asegura que o servizo se preste con normalidade, cando menos, nas próximas semanas.

O 80% dos Xefes de Servizo dos centros sanitarios Área facían onte oficial a súa dimisión ante a Consellería de Sanidade para «non ser cómplices» do «deterioro» da sanidade rexional. Así, os responsables dos centros médicos do Porriño, Mos, Salceda, Tui, Ponteareas, Moaña, Cangas, A Guarda, Gondomar, Panxón, Baiona, A Cañiza, Fornelos de Montes e 15 centros de Vigo, asinaron o seguinte manifesto:

Os Xefes de Servizo e Unidade de Atención Primaria desta Área de Vigo, manifestaron reiteradamente ante a administración sanitaria, como Xunta de Xefes de Servizo do Área, o progresivo deterioro da asistencia sanitaria en Atención Primaria, que chegou a límites insustentables.

Como profesionais denunciamos:

  • A sobrecarga asistencial á que estamos sometidos, que conleva un deterioro da atención aos pacientes con repercusión na súa saúde. Un agotamento e desmotivación dos profesionais sanitarios. Esto da lugar á falta de fidelización dos xóvenes profesionais á Sanidade Pública e xubilacións anticipadas de profesionais con grande experiencia.
  • A nula previsión da falta de recambio profesional, que dende hai anos era evidente, en especialidades como Medicina de Familia e Pediatría.
  • A dificultade de acceso á atención hospitalaria dos nosos pacientes. Listas de espera para probas e consultas inaceptables, sen posibilidade de derivación urxente ou preferente, sendo o Servizo de Urxencias Hospitalario a única porta de entrada. A utilización perversa das novas tecnoloxías na interconsulta que todavía dificulta máis o acceso.
  • Que os Centros de Atención Primaria non contan dende hai anos con plans estables de reposición de material nin de incorporación de novo aparataxe. Non deixamos de ver como os hospitais medran en dotación e tecnoloxía cara e sofisticada mentres en Atención Primaria se carece do elemental. A actividade que antes se facía nos hospitais e agora se realiza en primaria, non foi acompañada dos recursos necesarios.
  • A ausencia de contratos eventuais estables, e as condicións de traballo deplorables para os xóvenes profesionais na Sanidade Pública.

«Consideramos que ata aquí chegamos e non queremos ser cómplices deste deterioro. Tras expoñer esta situación de forma reiterada ao Xerente e Director de Asistencia do EOXI de Vigo, así como ao Conselleiro, ante a ausencia de cambios decidimos os abaixo firmantes presentar a nosa dimisión como xefes de servizo».