Dende a Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Gondomar queren manifestar a súa satisfacción e agradecemento, neste caso ao Goberno Galego da Xunta de Galicia, pola concesión de dúas axudas que lles van permitir seguir avanzando nun modelo de relación co Medio Natural onde o que prime sexa a sustentabilidade e o respecto pola Natureza.
No primeiro caso van substituir a segunda caldeira de gasoil por outra de biomasa igual que fixeron o ano pasado. Esta axuda foi concedida igualmente polo Instituto Enerxético de Galicia ao abeiro do Programa Operativo FEDER-GALICIA 2014-2020, que dun total solicitado de 23.674.-€, foron concedidos 22.860-€, é dicir o custe para o Concello de Gondomar vai ser só de 814.-€.
A experiencia da primeira caldeira substituída foi plenamente satisfactoria. Ademais do aforro na súa compra e instalación, tiveron un aforro moi importante no mantemento; na materia combustible (4.000kg de pellets, aprox. 1.100€, para máis de dous anos) e, obviamente e sobre todo a eliminación de elementos contaminantes emitidos á atmósfera. É dicir un importante rendemento social. Nesta ocasión a caldeira a substituir é a da Casa do Concello, cos conseguintes beneficioa que xa se dixeron.
A segunda subvención concedida está relacionada co programa APROL RURAL, da Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo o fomento do emprego, a través da contratación de persoas desempregadas, e cuxo labor será realizado en tarefas vinculadas ao tratamento da biomasa, selvicultura, montes, tratamento de plantas bio-invasoras, etc.
Neste caso tamén o custe para o Concello será mínimo, aprox. 2.000€, por un contrato de nove meses de duración que correrá por conta da Xunta. Para este cometido foi solicitada unha Enxeñeira Técnica Forestal, que despois de pasar as probas de selección pertinentes e superadas, comezará a traballar no Departamento de Urbanismo e Medio Ambiente o vindeiro 2 de Xullo.