A totalidade do persoal de Veolia, concesionaria do servizo de mantemento do hospital Nicolás Peña de Vigo e dos 22 centros de saúde da área sanitaria, secundou hoxe unha nova xornada de folga e convocará novas xornadas para reclamar un incremento do prezo das gardas, que leva dende 2016 sen actualizar.

Coincidindo co paro de 24 horas, que se repetirá este mércores 5, o luns 10 e o martes 11, as persoas traballadoras desenvolveron unha concentración diante do centro médico de 12:00 a 14:00 horas.

«Unha vez que o último prego de condicións do concurso de adxudicación do servizo incorporou a cobertura de todos os centros de saúde da área sanitaria viguesa, aumentando deste xeito a carga de traballo, as persoas empregadas de Veolia decidiron reclamar unha actualización do prezo das gardas de 24 horas conforme á suba de salarios do convenio do metal dende 2016, mais as negociacións coa empresa remataron sen acordo ao respecto«, sinalan desde a CIG.

En consecuencia, «as nove persoas traballadoras do servizo optaron por convocar unha xornada de folga o pasado martes día 14 e unha concentración diante do hospital. Posteriormente, apostaron por levar adiante novos paros, que comezaron hoxe e que continuarán este mércores 5, o luns 10 e o martes 11 xa que a compañía segue negándose a aumentar o pago dunhas gardas que levan case unha década sen actualizarse«, rematan.

FONTE: CIG