O BNG de Gondomar convoca asembleas veciñais informativas para recoller alegacións á ordenanza do lixo. A organización nacionalista realizará as reunións dentro do prazo de exposición pública co fin de recoller achegas e facilitará un modelo de alegación para que veciñas e veciños as poidan presentar directamente no Concello a título individual ou colectivo
Logo da aprobación inicial da ordenanza fiscal que regula a taxa da recollida, tratamento e eliminación do lixo por parte do goberno de Paco Ferreira, o BNG vai elaborar a súa proposta de modificación da norma e, tal como anunciou no debate plenario, “se a proposta definitiva non recolle as nosas alegacións, a abstención inicial converterase nun voto en contra”, afirma Rodríguez.
Durante o debate plenario, no que todos os grupos políticos coincidiron en que a taxa debe actualizarse, o BNG, ademais de recriminar ao Alcalde as formas en que foi convocado o pleno, manifestou que non compartía tampouco o fondo da proposta.
Así, o BNG preguntou o por que dun incremento dun 73,75%. O Alcalde non deu resposta. Tampouco deu razón de por que non se optou por establecer distintas porcentaxes dependendo de se se aplica a vivendas ou a establecementos comerciais ou industriais, medida que a xuízo do BNG sería máis xusta.
O BNG insistiu en que, ademais do ‘sablazo’ de Sogama que foi o principal argumento do goberno para a suba, a privatización do servizo está tamén na raíz do seu elevado custe. Rodríguez reiterou que a xestión pública é máis eficiente e máis económica e instou de novo a remunicipalizar o servizo e mesmo a estudar a xestión conxunta para os tres concellos do Val Miñor a través da Mancomunidade, “unha opción da que non queren falar nin PP nin PSOE”, denuncia a voceira nacionalista.
O BNG lanzou tamén unha batería de propostas para incluír na ordenanza. Así propuxo bonificacións a vivendas e locais que reducen, reciclan e compostan. Porque non pode pagar o mesmo quen separa vidro e papel e leva todo o lixo orgánico ao composteiro, que quen mezcla todo e o mete no contedor que vai para Sogama.
E o mesmo para quen usa o punto limpo para o reciclado de aceites, restos de podas ou aveños voluminosos e non os chanta dentro do primeiro contedor que se atopa. Descontos como eses, que a proposta do goberno non inclúe, servirían de incentivo para a redución de residuos que se levan a Sogama, o que redundaría no abaratamento dos custes por ese concepto.
O BNG apuntou tamén que a ordenanza debe recoller a minoración do importe da taxa en caso de que os custes de reduzan polo descenso do custe do servizo, porque desapareza o canon de Sogama ou porque a Xunta volva establecer bonificacións que abaraten o custe da xestión dos residuos.
Así mesmo, o BNG defendeu no pleno que a ordenanza debe contemplar posibles descontos en caso de incumprimento das condicións na prestación do servizo e tarifas diferentes para as zonas en que se preste en condicións inferiores a outras.
Nese sentido, o Bloque propón reducir a taxa para aquelas vivendas situadas en lugares en que a recollida se realiza con menos frecuencia ou establecer distintos importes en función da proximidade a que están os puntos de depósito. Esta última medida, recollida na actual ordenanza, eliminase na nova proposta producindo eses incrementos desorbitados de até case o 480% que o BNG considera que se deben corrixir.
No caso de establecementos, o BNG apuntou tamén a necesidade de modificar os importes por tramos baseados nos metros cadrados dos locais porque prexudican claramente aos de menor superficie.
A organización nacionalista considera que a “ordenanza debe ser modificada, tanto nos importes como nos aspectos relativos a descontos e bonificacións. A proposta definitiva debe ser acorde coa realidade económica de Gondomar e debe establecer a garantía e o equilibrio do servizo no territorio”, indica Rodríguez.
Con esa finalidade, o BNG vai realizar asembleas informativas para recoller da veciñanza aquelas suxestións susceptibles de incluír nas súas alegacións, mais tamén para facilitarlles un modelo de alegación para que a veciñanza poida presentar directamente no Concello.
