CEDIDA // Presentación da feira do libro de Tui

O Paseo da Corredoira de Tui acollerá mañá martes, 17 de maio Día das Letras Galegas, a XIX Feira do Libro Galego organizada polo Concello de Tui coa colaboración das librarías Iris, Espazo Lector Nobel e Valverde.De forma paralela terá lugar unha Feira de Antigüidades. 

A XIX Feira do Libro Galego, que será inaugurada ás 12:00 horas, contará con 22 postos de libros en galego a cargo das tres librarías tudenses que ofrecerán as últimas novidades editoriais, clásicos da literatura galega, así coma a obra de Manuel María, autor homenaxeado este ano. Non faltarán tampouco as obras dos escritores tudenses. Ata ás 22:00 horas o público poderá mercar os libros cun 10% de desconto.

Ao longo do día celebraranse distintas actividades de animación. Así os nenos poderán participar de 11:30 a 13:30 horas e de 17:30 a 20:30 horas nun obradoiro de marcapáxinas e xogos populares a cargo de “En un Tris Tras”. Tras o acto de apertura iniciarase unha lectura colectiva de textos de Manuel María na que pode participar todo aquel que o desexe. Ás 12:15 horas actuará o grupo folclórico “Refaixos e Polainas” de Baldráns, e ás 13:15 horas será a quenda da Banda de Gaitas “Lembranzas da Terra” de Guillarei. A actividade retomarase ás 16:00 horas co “Gran Xogo das Letras Galegas” dirixido a maiores de 6 anos a cargo de Eduvía, para o que é preciso inscribirse previamente na Biblioteca Municipal. Ás 17:30 horas actuará o grupo de música tradicional Arume de Malvas, ás 18:45 horas a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos e por último ás 20:30 horas o grupo portugués de cordas “6TÁS9”.

Mañá tamén se vai celebrar unha Feira de Antigüidades na que segundo o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, se van dar cita máis de 50 postos de anticuarios galegos e portugueses no propio Paseo da Corredoira ata a Glorieta de Vigo.