O AD Vincios Gondomar desprazouse esta fin de semana a terras madrileñas onde empatou 3-3 co ADTM Leganés, conseguindo manterse invicto e sumar un punto máis, que o sitúa no cuarto posto da táboa clasificatoria.

Este empate vén constatar o dura que vai estar este ano a liga, pois case todos os equipos reforzáronse, equilibrándose o potencial entre todos eles.

O equipo gondomareño desprazou ao xogador portugués André Silva, a Martín Pintos e contou co debut do xogador ucraíno Dmytro Pysar. Polo Leganés xogaron os seus dous xogadores rusos Vasily Filatov e Ramil Mutygullin e o español Libre Sancho.

O partido comezou ben para o Vincios cunha vitoria cómoda de Pysar sobre Filatov por 3-0, despois competiu Martín contra Mutygullin, con vitoria final do ruso por 1-3, con parciais 6-11, 11-8, 12-14 e 4-11, estando a clave no terceiro set, e con vitoria de André sobre Libre Sancho por 3-0 que poñía un resultado de 2-1 no ecuador do partido.

Na continuación viñeron dous duelos moi loitados, o primeiro entre Pysar e Mutygullin, con parciais 15-13, 7-11, 9-11, 11-9 e 10-12, onde con 10-7 a favor de Pysar o Leganés pediu tempo morto, tras o cal, Mutygullín fixo 5 puntos seguidos para levarse o set e o partido, quedando este en 2-2.

O segundo duelo entre André e Filatov, con idéntico resultado 3-2, pero neste caso a favor dos gondomareños, pois André, coa súa garra habitual foi capaz de levantar un resultado adverso nun interminable e emocionante cuarto set, parciais de 9-11, 11-4, 6-11, 17-15 e 11-5 que denotan a dureza do partido. Con 3-2 para o Vincios, impúxose por 3-1 a experiencia de Libre Sancho sobre Martín, co que o encontro rematou en empate.

Tras as catro primeiras xornadas o Real Cajasur Priego TM converteuse por primeira vez nesta tempada no líder en solitario da máxima categoría masculina do tenis de mesa español. Os prieguenses, seguidos do Irún Leka Enea, avantaxan por un punto aos vascos, con dous puntos ao Arteal TM de Santiago e tres puntos ao AD Vincios Gondomar, os catro equipos invictos ata o de agora.