Simón Casal

Nun final de liga trepidante pola consecución de postos europeos, e tras gañar ao Hispalis en Sevilla por 4-2, presentábase a última xornada en Gondomar un duelo entre o AD Vincios e o San Sebastián de los Reyes, empatados a puntos e loitando pola sexta praza, que permite disputar a Ettu Cup Men, competición europea do tenis de mesa.

O equipo gondomareño xogaba co internacional portugués Diogo Silva, e cos canteiráns, Martín Pintos e Simón Casal, mentres o “Sanse” facíao cos nacionais Rafael Casares, Gonzalo Obregón e Víctor Maldonado. Con dúas vitorias de Diogo sobre Rafael Casares e Gonzalo Obregón, unha de Martín sobre Víctor Maldonado e a derrota de Simón ante Gonzalo Obregón, o partido poñíase moi de fronte para o Vincios, cun 3-1, faltando só unha vitoria para conseguir a praza europea.

Enfrontáronse Martín Pintos e Rafael Casares, que tras un duro e igualado partido con parciais de 8-11, 11-9, 16-14, 8-11 e 8-11 calou ao lado do equipo madrileño por 2-3, colocando o marcador xeral en 3-2 a favor do Vincios.

Coa presión de ter que gañar, pois en caso de empate a sexta praza sería para o Sanse por mellor average, disputouse o definitivo encontro entre Simón Casal e Víctor Maldonado. Cun excelente nivel de xogo no final de tempada Casal venceu 3-1 ao sub-23 Víctor Maldonado, con parciais moi axustados de 11-8, 11-13, 11-8 e 11-9. Coa súa primeira vitoria en Superdivisión, Simón Casal conseguiu o punto que facía falta para vencer ao San Sebastián de los Reyes por 4-2, e ao cabo, a consecución da praza europea.