O vindeiro venres, ás 18:00 horas, Movemento Oia presentará a súa candidatura no Colexio Público Mestre Manuel García e fará o peche de Campaña no Centro Cultural de Mougás, as 20:00 horas.
Encabezada polo concelleiro Xoán Lois Vila, a lista conta nos primeiros lugares coa presenza de María Andura Giráldez, Óscar Suárez Álvarez, Loreto Dorado Silva, José Miguel Sánchez, Ana Rodríguez González. No acto tamén se dará a coñecer os principais obxectivos que conformarán o programa político que esta agrupación presentará nas vindeiras eleccións municipais de maio, e o traballo realizado estes anos no Concello.
“Movemento Oia é unha asociación que se integra nas mareas municipais que nacen do movemento 15-M . En Marea é a segunda forza política do Parlamento Galego que toma iniciativas e expón unha oposición eficaz no mesmo. E que dá liberdade ás mareas locais que equivalen aos círculos de Podemos para que fagan o que entendan que é mellor para as persoas e a cidadanía nos seus concellos”, sinala Xoán Lois.
“En Movemento Oia temos afíns a Podemos, Anova, Esquerda Unida, etc. e o obxectivo e os fins son os mesmos, por tanto nestas eleccións municipais somos os representantes naturais de todas esas sensibilidades políticas”, apunta.
“Na convocatoria á presentación oficial da candidatura, Xoán Lois Vila fai referencia en que presentan unha nova proposta cun grupo de persoas comprometidas coa sociedade actual e real de Oia, de todas as idades e profesións, que traballan día a día en diferentes movementos sociais e veciñais en favor da veciñanza e dos seus dereitos«, explican dende a formación.
Afirman que teñen un proxecto para Oia e un equipo para levalo a cabo. “Oia ten futuro se somos capaces de canalizar tódalas necesidades dentro dun entorno sustentable que permita crear traballo, riqueza e fixar poboación para dar un futuro ós mozos e servizos para tódolos veciños. A cidadanía demanda transparencia, participación e que a institución municipal estea ao servizo das maiorías sociais«, rematan.