O alcalde de Nigrán, Juan González, repite como vicepresidente da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad de toda España. O rexedor, presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade desde 2015, renovou o seu cargo esta semana na asemblea xeral celebrada en Barcelona (anteriormente, de 2017 a 2020, exerceu como presidente).
Igualmente, a representante do Fons Català de Cooperació al Desenvolupament, Núria Parlón, continuará como presidenta. A xuntanza, na que se aprobou tanto a planificación anual como a estratexia para o presente mandato, contou tamén coa participación do edil do Concello de Cartelle Daniel Fernández e da concelleira do Concello de Viveiro Lara Fernández.
«Esta nova elección significa un respaldo ao labor feito desde o Fondo Galego que presido como alcalde de Nigrán. Esta é a mellor imaxe que podemos proxectar do noso municipio de cara ao exterior: unha localidade que loita contra as desigualdades norte/sur e que cre na cooperación internacional e no municipalismo«, resume González.
A nova executiva expón para o próximos catro anos consolidar a liña de acción iniciada no mandato anterior. No anterior mandato, coa aprobación da lei 23/1998 de Cooperación Internacional conseguiuse o recoñecemento da cooperación descentralizada municipalista. Un recoñecemento que a González entendía «necesario e xusto«, que chegou nun momento onde algúns discursos anti-cooperación tomaban e seguen tomando protagonismo. “Contextos de pobreza, desigualdade, guerras, catástrofes naturais, mobilidade humana forzada… requiren da cooperación internacional, como unha cuestión de xustiza global e neste sentido os concellos xogaron, e seguen xogando, un papel imprescindible”, sinala o alcalde de Nigrán.
Entre os obxectivos está fortalecer o municipalismo nos países e pobos socios do sur global ou estender territorialmente o modelo de Fondos de Cooperación e Solidariedade incorporando novos fondos. A nivel de incidencia política, CONFOCOS quere ser un axente necesario para concienciar aos gobernos locais para que manteñan e aumenten o orzamento de Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) co horizonte posto no 0,7% e facer valer a incidencia da cooperación local no despregamento da nova lei. Tamén se expón traballar para dar ferramentas para a desburocratización da cooperación na administración pública local ou impulsar a Cooperación Técnica Municipal, como un modelo propio da cooperación municipalista.
CONFOCOS
A CONFOCOS reúne a máis dun milleiro de entidades locais do estado (entre concellos, deputacións e consells) agrupados nun total de 9 fondos territoriais. A confederación naceu 1995 e ten como obxectivos contribuír a impulsar a cooperación descentralizada dentro e fóra dos ámbitos territoriais dos seus membros e ser interlocutor ante as institucións estatais, europeas e internacionais naquelas formulacións onde hai intereses coincidentes. Actualmente, forman parte o Fons Català de Cooperació, a Euskal Fondoa. Asociación de Entidades Locais vascas Cooperantes, o Fondo Valenciano por la Solidaridad, o Fondo Mallorquino de Solidaridad y Cooperación, o Fondo Menorquín de Cooperación, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaredad Internacional, e o Fondo Extremeño local de Cooperación al Desarrollo.