O alumnado do CEE de Panxón ofrece este sábado, co apoio do Concello de Nigrán, o “I Toleamos Rock Festival”, un evento musical aberto ao público polo que desfilarán, dende as 19:30 horas,  Javi Maneiro de ‘Heredeiros da Crus’,  Mushu, Rockestra (do IES Proval) e The Alta Nota (do propio colexio).

O festival, organizado íntegramente polos alumnos dentro do seu proxecto educativo, terá lugar no exterior do centro (Camiño dos Lagos, ao carón do Templo Votivo de Panxón) e dará comezo ás 19:00 horas coa apertura de portas (a hora de remate estimada será ás 22:00 horas).

A entrada é de balde, pero os alumnos porán a venda merchandising e comida, todo elaborado por eles, cuxo beneficio irá destinado á asociación de axuda a nenos oncolóxicos ‘Bicos de papel’.

“Ten un fin solidario pero o a propia organización do festival é un proxecto educativo que se enmarca no noso xeito de traballar. A través destas iniciativas aprendemos a vivir, a superar erros, a traballar en equipo e a sensibilizarnos co resto da sociedade”, sinalou Rafael Lores, director do CEE Panxón, colexio fundado no 2008 e un dos dous únicos de Galicia adicado a alumnado con trastornos graves de conducta e que actualmente ten as súas 20 prazas cubertas en réxime de internado, de luns a venres, con nenos de toda a comunidade (10 de Educación Primaria e 10 de Educación Secundaria Obrigatoria).

De feito, dende hai un cinco anos traballan exclusivamente por proxectos, sen libros de texto, con metodoloxías activas e participativas que fomentan o pensamento crítico, a creatividade, as habilidades sociais, as capacidades lingüísticas, o razoamento matemático e o método científico.

Así, este ano repiten o seu proxecto de restaurante aberto ao público (elaboran e sirven as comidas eles mesmos) e engaden a completa organización do festival Toleamos (dende o deseño da cartelería ata a elaboración e venda do merchandising, comida que se porá á venda, búsqueda de patrocinios, distribución dos espazos, concerto de The Alta Nota formado por alumnos…).