O IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) organiza, o mércores 27 de febreiro, un encontro literario co dramaturgo galego Rubén Ruibal.

O alumnado de 4º ESO, lector da obra «Limpeza de sangue», pola que o autor recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática do Ministerio de Cultura en 2007, conversará con Ruibal sobre as amizades inamixables nunha cidade galega quizais si imaxinable que se retrata no seu libro.

A trama sitúase na cidade herculina na época do boom inmobiliario e nela trátanse temas como a corrupción, a drogadicción ou a delincuencia a través, sobre todo, da amizade de dúas personaxes de distinta clase social pero igualadas pola enfermidade.

O encontro, que comezará ás 12:50 horas, terá lugar no salón de actos do IES Antón Alonso Ríos.