Nigrán Decide solicitará no próximo pleno que as vantaxes que dá o goberno para conectarse ao saneamento e ao abastecemento de augas sexa estendido a todas as parroquias de Nigrán. En concreto, «solicitamos que sexan aplicadas nas rúas que o goberno está dicindo que vai asfaltar neste tempo electoral en todas as parroquias».

«Nestes casos, o mesmo que acontece en Camos e Parada coa oferta que está facendo o goberno, tampouco sería necesario repoñer o pavimento, polo que o prezo para realizar as conexións podería ser menor«, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide e subliña que «é demasiado frecuente que, ao pouco tempo de asfaltar unha rúa, esta se abra para levar canalizacións de servizos, polo que desta forma ganariamos toda a veciñanza ao non deteriorarse tan rápido as rúas pola realización destas conexións«.

«O goberno presentou, para o seu ditame na Comisión de contas celebrada en outubro de 2017, unha modificación orzamentaria para acometer mais de 40 obras, entre as que estaban estes asfaltados que agora vai anunciando, aínda que finalmente a retirou da orde do día, para executar ditas obras neste tempo electoral«, indica Cuevas.

«É unha mágoa que para facer coincidir estas obras coas eleccións, a veciñanza estivese sufrindo durante máis dun ano o mal estado destes viais«, finaliza José Cuevas.