Orixe Rías Baixas

Orixe Rías Baixas, o audiovisual da campaña de turismo da Deputación de Pontevedra neste 2023, vén de obter un importante recoñecemento internacional ao gañar un dos premios de prata na categoría Online & Social Media dos US International Awards, prestixiosos galardóns que contan cunha traxectoria de máis de 50 anos dentro da industria dos vídeos e documentais corporativos.

O xurado deste certame estadounidense, que forma parte do CIFFT (Comité Internacional de Festivais de Cine de Turismo) seleccionou a nivel mundial un total de 108 filmes gañadores nas distintas categorías e repartiu 29 premios de ouro e 51 de prata, ademais de elixir 28 finalistas.

O vídeo lanzado este ano pola institución provincial para promover o destino Pontevedra Provincia e realizado por Esmerarte Industrias Creativas supón unha declaración de orgullo do legado dunha provincia que atesoura tradicións únicas e milenarias, reinterpretadas desde a modernidade. A campaña céntrase nos valores intanxibles do destino e fai fincapé nas tradicións, na marcada identidade e nas nosas raíces, así como na ampla oferta turística da provincia.

Deste xeito a creatividade; o patrimonio inmaterial; a artesanía representada por persoas como Elena Ferro, Purro, Valentín Otero, Antía Santos, Anxo Estévez, Manuel Presas, María Mercedes Lomba, Meira Paz, José Sousa, Fiz Axeitos, Xacobe Cabrera ou as Pandereteiras de Gargamala; as festas como o Entroido e outros elementos arraigados da cultura da provincia de Pontevedra comparten protagonismo e intercálanse con imaxes que representan a todas as comarcas da provincia, tanto da costa como do interior. Inclúense pazos como A Oliva en Vigo ou o de Señoráns en Meis, o Balneario de Mondariz, museos como Liste en Vigo, a costa de Oia ou A Guarda e paisaxes situadas en lugares do Morrazo, O Salnés, A Paradanta, O Condado, Deza, Terra de Montes ou das comarca de Caldas, Vigo e Pontevedra.