O Concello de Gondomar acollerá este mércores 20 de xuño, ás 12.00 horas na Praza do Concello, á décimo cuarta intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, iniciativa da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.
A acción escénica que terá lugar en Gondomar será protagonizada por Inherente Teatro, grupo creado en 2016 por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pia Nicoletti, tres actrices tituladas pola ESAD de Galicia que sustentan o seu traballo na creación colectiva e nas novas linguaxes teatrais. As tres artistas combinan o seu traballo como intérpretes con obradoiros formativos de creación escénica e colaboracións con outras compañías en obras de creación.
A obra que representará Inherente Teatro é “Mullieris”, coa que reflexiona desde o visual e o poético, sobre a nosa posición no mundo contemporáneo no día a día, partindo desde o cotián en busca dos límites do socialmente aceptado. Á acción escénica asistirán, xunto ao seu profesorado, máis dun centenar de alumnos e alumnas dos centros educativos IES Terra de Turonio e IES Auga da Laxe.