Segundo o BNG «no pleno do 28 de xaneiro como todo o mundo sabe o PP aprobou unilateralmente un novo escudo e bandeira para Oia; “deseñado” pola comisión heráldica da Xunta. O acontecido despois xa é sobradamente coñecido pola veciñanza, que foi a verdadeiramente protagonista do recuamento que non rectificación da alcaldesa; porque rectificar é de sabios e este non é o caso».

«A raíz desta polémica – din os nacionalistas– convocouse un pleno extraordinario solicitado polo PSOE o 2 de marzo onde entre outras cousas pedíase a revogación da aprobación por parte do PP do punto onde impuxeran a simboloxía que as propias veciñas e veciños rexeitaran por consideralo un despropósito. Dende o BNG sabiamos que o PP recuaría mais non rectificaría, e tamén tiñamos moi claro que a alcaldesa para saír da fochanca utilizaría un recurso moi propio dela que é a mentira e a manipulación, lévao facendo dende o inicio da lexislatura«.

«Non imos reproducir a intervención do BNG neste último pleno, está gravada, é pública, e porémola a disposición de todo o mundo cando nos sexa entregada e que cada un saque as súas conclusións. O que si temos moi claro é que os veciños/as deste concello teñen o dereito a estar informados, a poder participar das decisións que lles afecten e a poder asistir aos plenos, o contrario sería unha falta de respecto. Pois iso queremos denunciar á marxe do asunto que se tratou (escudo e bandeira), o intencionado impedimento da alcaldesa para que os veciños/as non tiveran posibilidade de presenciar o pleno en directo», afirman dende o BNG.

Por outra banda, o BNG tamen acusa a alcaldesa de non facilitar á veciñanza o seu dereito a participación e asistencia aos plenos. «O primeiro que fixo a alcaldesa xunto cos seus correlixionarios foi impoñer os plenos ás oito da mañá para que ningún veciño/a poida asistir, e agora que son telemáticos o concello segue sen ter instalado o sistema operativo para que calquera dende a súa casa puidera velo en directo; o BNG en tódolos plenos esíxelle a alcaldesa que non lle falte ao respecto á veciñanza«.