O portavoz do BNG, Anxo Baz, critica que «trala histórica mobilización en defensa da sanidade, o PP desembarca na Guarda a facer electoralismo coa vella promesa de facer un CIS (Centro Integral de Saúde) para o municipio».
Asegura que o Concello non dispón dos terreos nas Coutadas onde anuncian a construción do CIS. «Terían pois que iniciar a adquisición deste terreo, cousa complicada, xa que o equipo de goberno da Guarda non ten redactado nin aprobados orzamentos para este ano».
Indica o voceiro nacionalista que este terreo non está catalogado no PXOM como terreo para equipamentos «o que impide levar adiante este ou calquera outro proxecto nun prazo razoábel de tempo. Requiriría unha modificación do PXOM para transformalo en chan dotacional o que atrasaría o proceso antes de poder iniciar a construción do hipotético CIS».
Para Anxo Baz “trátase dunha repetida promesa electoral do PP, que o único que pretende e agochar os recortes e a mala xestión da Xunta de Galiza en materia de sanidade”.
O nacionalista rematou concluíndo “si o alcalde da Guarda, o Conselleiro de Sanidade e o PP tiveran intención de solucionar realmente os problemas reais en materia de sanidade que ten a nosa localidade, escoitarían as demandas da veciñanza e empezarían por dotar o Baixo-Miño dunha ambulancia medicalizada, dun dobre equipo médico para o PAC da Guarda, e por cubrir as prazas de facultativos que están vacantes así como as baixas do persoal sanitario”.