No pleno celebrado onte no concello da Guarda a instancia do BNG, «púxose de manifesto que o alcalde e o seu Goberno carecen dun plan de usos e dun informe económico-financieiro  que ampare a viabilidade da compra da casa de D. Eloi».

O portavoz nacionalista, Anxo Baz, acusou ao alcalde de xestionar o municipio a base de «ocorrencias» e esixiu «rigor» ante unha operación de tal magnitude. «Calquera institución seria, antes de afrontar unha compra millonaria, encargaría un informe económico-financeiro que aclarase a súa viabilidade e presentaría un plan de usos. O contrario é xogar cos cartos dos guardeses«, criticou Baz, quen lembrou o «recente gasto de 40.000 euros nuns terreos inútiles para o punto limpo«.

Pola súa parte, Bea Lomba, portavoz do BNG para asuntos económicos, alertou sobre «o impacto que esta operación terá nas arcas municipais, nun exercicio onde o orzamento municipal só conta con 34.000 euros para investimentos. É unha temeridade meter ao Concello nesta compra. Sen os fondos do Plan+Provincia que se pretenden dilapidar na casa, o municipio quedará paralizado e sen marxe para facer obras, mantemento ou mellora de servizos básicos«, advertiu Lomba.

Ante esta situación, o BNG anunciou que presentará «unha proposta formal no vindeiro pleno ordinario«, que terá lugar o mércores 27 de maio ás 20:00 horas. A iniciativa solicitará «a retirada da petición de axuda á Deputación de Pontevedra para a compra do inmoble co obxectivo de reorientar eses cartos cara a necesidades urxentes en espazos públicos e servizos». Desde a organización nacionalista fan un chamamento explícito á veciñanza «para que asista á sesión e esixa ao alcalde dar marcha atrás nesta operación».