O BNG lanza unha campaña de apoio ao comercio local baixo o lema «Mellor Local, Mellor Galego» e cunha dobre petición aos galegos: consumamos produto do país e consumámolo no comercio de proximidade, axudando deste xeito a reactivación económica e social dun sector que xera moitos empregos e cun efecto dinamizador da nosa vila.
O portavoz Municipal Anxo Baz explicou “todos somos conscientes do efecto tremendo que provoca ver unha rúa coas persianas baixadas e os locais baleiros e, tamén sabemos, o positivo que resulta tanto no económico como no social un comercio local vivo e dinámico”.
O BNG anima a comprar produto feito aquí e vendido no comercio local todo o ano, pero especialmente nestas datas e nestes tempos de pandemia. Anxo Baz manifestou “con esta campaña queremos facer un chamamento a consumir produto galego e facelo no comercio local, apostar polo noso” para acabar concluindo “O comercio local significa: calidade, trato personalizado, produto coidado e diferenciado”.
Pola súa parte Bea Lomba, concelleira e Responsábel local do BNG, anunciou os eixos da campaña do BNG, “ademais dunha tirada de carteis para repartir no comercio, editamos un video para promocionar nas redes sociais feito por Guardeses e Guardesas que producen aquí ou consumen habitualmente no mercado local”.
A nacionalista tamén aclarou que “ademais desta campaña de sensibilización, o Bloque presentará unha moción no próximo pleno na que propoñemos un paquete de medidas concretas que teñan en conta a crise xerada pola pandemia na hostalaría e tamén os retos aos que ten que enfrontarse o pequeño e mediano comercio ante novos hábitos como a compra online en auxe«.