A Serra da Groba constitúe un espazo de grande riqueza natural, patrimonial, arqueolóxica e paixasística que neste momento se ve ameazada pola instalación de parques eólicos. En concreto, os proxectos tramitados implicarían un total de 44 aeroxeneradores e 4 subestacións de transformación e transporte.

«Por este motivo, desde o BNG apoiamos e animamos á participación na marcha contra este proxecto eólico, convocada polo o IEM e a Plataforma SOS a Groba, para este domingo 16 de maio ás 11:00 horas desde o Alto da Mata, co fin de sumar forzas co obxectivo de frear esta nova ameaza ao noso medio natural, á vez que reclamará no Parlamento Galego a máxima protección medioambiental para a Serra da Groba«, sinalan os nacionalistas.

«Para o BNG o modelo eólico do PP, que ameaza a Serra da Groba e outros moitos espazos naturais ao longo do territorio galego, obedece a un modelo depredador que coloca Galicia como mera produtora de enerxía ao servizo do espolio das grandes eléctricas«, afirman.

A organización nacionalista di que continuará a defender unha enerxía eólica sustentable, xusta e galega, que permita que os galegos se beneficien da condición de potencia produtora de enerxía eléctrica.