O BNG participará na manifestación a favor da sanidade pública convocada por SOS Sanidade que terá lugar este domingo 14 ás 12:00 da mañá en Compostela e fai un chamamento a toda a veciñanza da Guarda a unirse a este mobilización.

«Perante a grave situación que esta a sufrir o centro de saúde da Guarda pola falta de profesionais ao igual que outros centros do resto do pais, a resposta debe ser clara e masiva. Este domingo temos a oportunidade de visibilizar o descontento xeral con esta situación«, indican.

O  BNG considera moi necesaria esta mobilización para poñer freo «as políticas do PP de desmantelamento da Atención Primaria, e deixarlles claro que non nos van tapar a boca  con propaganda e anuncios de última hora, senón que é preciso acometer medidas estruturais, como ven defendendo o BNG, que pasan por garantir a atención presencial e que esta non se demore, e por incrementar o número de profesionais en todas as categorías», comentan.

Segundo o BNG, na proposta de orzamentos para o ano 2022 o PP «lonxe de incrementar os orzamentos para Atención Primaria recórtaos en 2 millóns de € a respecto do ano 2020 e 47 millóns de € menos que no 2009. Cando máis necesaria é unha aposta clara pola Atención Primaria para sacala do colapso no que está, o orzamento para o próximo ano aínda é máis baixo. Simplemente non podemos consentilo».