Chegada ao Goberno - Ano 2007

15 anos transformando Tomiño e converténdoo nun referente da comarca do Baixo Miño e de toda a provincia. A alcaldesa nacionalista, Sandra González, e o seu equipo celebran este sábado 18 de xuño ás 20.30 horas na Praza do Seixo, os seus 15 anos ao fronte da vila cun acto festivo que contará coa participación da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para abordar un proxecto ilusionante dende os seus inicios co que Tomiño está a escribir as páxinas máis brillantes da súa historia.

Durante este acto de celebración as persoas asistentes poderán tamén gozar co concerto de Acevedos Delgados e cun espectáculo de danza, ademais de inchables e servizo de atención infantil para os máis pequenos.

«Anos de traballo e xestión sólida que permitiron asentar os primeiros chanzos dunha transformación integral do municipio na que os veciños sempre son e serán o centro. Pasos dados para converter Tomiño nunha vila moderna e innovadora á vangarda do desenvolvemento coa consolidación de grandes iniciativas como as melloras de espazos públicos nos núcleos urbanos e nas parroquias, pero tamén apostando polo benestar social, pola educación, a cultura ou o medio ambiente. Tamén foi un eixo central a aposta pola mocidade e polo seu futuro, defendendo firmemente unha formación que permita xerar máis emprego e máis dinamismo que anime á veciñanza a asentarse no municipio», sinalan dende o BNG de Tomiño.

Son 15 anos de esforzo e ilusión nos que Sandra González e o seu equipo foron quen de sacar todo o potencial de Tomiño, mellorando a calidade de vida do municipio e gañando poboación ano tras ano.