O Bloque Nacionalista Galego expresa a súa repulsa polo asasinato machista deste mércores na parroquia de Mañufe, tan só unha semana despois do 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia Machista.
A formación nacionalista manifesta a súa solidariedade coa familia da muller asasinada e chama a toda a cidadanía a participar nas concentracións organizadas polo movemento feminista galego en diversas localidades para este venres. No Val Miñor a concentración terá lugar ás 20:00 horas no Cruce da Ramallosa.
O BNG esíxelle novamente ao goberno municipal de Gondomar a convocatoria urxente do Consello Municipal da Muller, tal como se comprometeu no último pleno da corporación o pasado mes de novembro, ao aprobar unha moción presentada pola organización nacionalista, e tendo en conta ademais que debe ser convocado cada catro meses e leva sen se convocar dende marzo.
Para a concelleira do BNG, Manuela Rodríguez Pumar, “non abondan os minutos de silencio, os lazos violeta nin os discursos baleiros: a violencia machista combátese con recursos que permitan levar a cabo políticas efectivas, incorporando medidas de formación, prevención e protección das mulleres en situación de violencia. E o Consello Municipal da Muller, onde están representadas as forzas políticas e sindicais e as asociacións que traballan no ámbito do feminismo, é un órgano fundamental para deseñar esas políticas a desenvolver”.
“Se o goberno de Gondomar non convoca inmediatamente o Consello Municipal da Muller”, acrecenta a concelleira do Bloque, “ademais de incumprir un acordo plenario, estará facendo unha grave deixación das súas funcións nunha área que ten un impacto profundo nas vidas de moitas mulleres”.
