O portavoz municipal do BNG na Guarda Anxo Baz, anuncia novas iniciativas no Congreso dos Deputados e no Parlamento Galego para reclamar aos Gobernos do Estado e de Galicia unha comunicación eficaz e sostíbel entre A Guarda e Caminha.

O nacionalista manifestou que “un barco turístico de prezo desorbitado non é a solución. O Goberno Central e Xunta de Galiza deben incluír nas súas axendas unha comunicación eficaz entre A Guarda e Caminha”.

“Resulta fundamental recuperar dunha maneira eficaz a comunicación con Caminha e, para iso, é preciso un compromiso entre os Gobernos do Estado español e Portugal, que conte ademais coa implicación da Xunta de Galiza e dos concellos afectados a ambas as beiras do río Miño”, reivindica Anxo Baz.

Para a organización nacionalista deben estudarse as distintas alternativas de transporte posíbeis, para apostar finalmente por unha proposta que permita compatibilizar a conservación do alto valor ecolóxico do Esteiro do Miño coa posta en marcha dun novo medio de comunicación eficaz e sostíbel que conecte de forma áxil A Guarda con Caminha.

O Portavoz Municipal nacionalista aposta por un proxecto de futuro que poida servir para “avanzar na constitución dunha futura Eurocidade entre A Guarda e Caminha, que potenciaría as relacións económicas, sociais e culturais entre ambas localidades situadas a ambas beiras do Miño”.