Avanza a primavera e chegan os actos e actividades programados para este mes de maio, especialmente os adicados ás Letras Galegas 2022 adicado ao poeta Florencio Delgado Gurriarán. Concertos, concursos (deseño da camiseta conmemorativa), obradoiros, teatro, xogos, etc.

Un ano máis, a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño quere conmemorar o 17 de maio con enxeño e creatividade arredor da lingua e literatura galega.

Por este motivo, convocou unha nova edición do Concurso De Deseño Da Camiseta do Día das Letras Galegas 2022, en busca dun traballo libre e aberto e atractivo e que busque a promoción do uso e normalización da lingua galega.

A data tope para enviar os deseños (ao correo electrónico omix@tomino.gal) é o domingo 8 de maio. A persoa gañadora poderá escoller entre tres agasallos: Tablet Lenovo Tab M10HD con 2/32 e Android; Airpods de Apple, ou Altavoz Muse M1915DJ party box troley.

Rilla Rilla Teatro, de Xarope Tulú é a actividade pedagóxica de fomento da lingua a través do teatro que terá lugar no Auditorio de Goián o sábado 14 de maio ás 21.00 horas. Dirixido a todos os públicos, a peza tenta pór de manifesto a variedade dialectal do noso idioma.

“A oferta desta actividade nace coa intención de dinamizar as Letras Galegas 2022, facendo partícipes da experiencia aos diferentes centros educativos da zona, co fin de difundir o interese sobre a nosa lingua, para aprender máis sobre ela e normalizar o seu uso”, explica a concelleira de Cultura, Ani Fernández Carrera.

Outra actividade organizada para celebrar as Letras é o concerto “Queremos galego”, de Pablo Díaz e os seus músicos. Algunhas das súas cancións son himnos para moita rapazada que descubre con este artista que os animais falan ou as estrelas cantan. Será no Auditorio de Goián o domingo 15 de maio ás 17.30 horas e para todos os públicos.

Música en Galego

Unha das actividades que imos realizar este 17 de maio de 2022, onde retomaremos as actividades presenciais ao aire libre, é a de ofertar CDs de música actual en galego un 50% de desconto (tamén libros) para as persoas que os merquen ese día, no horario de mañá no posto da única libraría que hai no noso municipio.

“Levaremos a cabo diversas actividades en prol da lingua e literatura galegas na Praza do Seixo co obxectivo de promover a lectura no noso idioma e provocar un efecto normalizador da lingua galega, ao mesmo tempo que apoiamos ao comercio local”, comenta a concelleira.

A estas actividades sumarase unha campaña de lectura de textos en galego que poderán adquirirse na librería Novidades, cun 50% de desconto.

Por outra banda, neste mes impartiranse cursos (adestramento canino e cestería). O primeiro comezará o día 14 de maio (de 11.00 a 13.00 horas) e continuará todos os sábados ata o 4 de xuño.

O curso de cesta mixta, pola súa banda, será impartido nunha soa xornada (sábado 21 de maio, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas).