A Guarda precisa os 15.000 m2 que se lograrían desenvolvendo o Plan Especial PERI 5, formado pola Finca de Fínola, os terreos do antigo Campo de Fútbol do Trega e outras propiedades. Esta bolsa de terreo sería destinado a zonas verdes, aparcadoiros en superficie e dotacións culturais, deportivas ou sanitarias.

O pacto PSOE-PP reduce drasticamente o terreo público municipal

Ao sacrificar o desenvolvemento do PERI 5, segregando a Finca de Fínola deste plan, PSOE e PP, provocan unha redución drástica do terreo público municipal, deixando só 3.000 m2 en lugar dos 15.000 m2 para dotacións públicas.

A alternativa do BNG: desenvolver e urbanizar os terreos do PERI 5

O goberno municipal debe desenvolver e urbanizar os terreos que constitúen o PERI 5, pegados á Alameda, para conseguir 15.000 m2 de dotacións públicas para a veciñanza da Guarda.

«É necesario que a veciñanza tome conciencia daquelas decisións que son irreversíbeis unha vez adoptadas e participe para impedilas, porque non se trata de intereses privados nin particulares senón de defender o interese público e a mellora da vida das xentes da Guarda», sinalan dende o BNG.

Anxo Baz declarou “presentar alegacións ao intento de PSOE e PP, demandando o desenvolvemento do PERI 5 e conseguir 15.000 m2 de terreos públicos, é contribuír ao benestar e progreso da vila da Guarda, polo que chamamos a participar na asemblea informativa o próximo luns 18 de Xullo no auditorio de San Bieito ás 20:30 horas”.