O Bloque Nacionalista Galego critica o veto do PSOE a «mellorar os saneamentos en Gondomar», despois de que o grupo municipal socialista «rexeitara cos seus votos a moción presentada polo Bloque no último Pleno para reclamar máis investimentos«. A fronte nacionalista cualifica de “irresponsábel” a decisión do Goberno local e esixe priorizar a saúde pública e a protección ambiental.
“O Concello ten a obriga de garantir este servizo, pero o goberno de Paco Ferreira desatende máis unha vez as súas competencias e as demandas veciñais, deixando centos de vivendas sen este servizo esencial”, denunciou a portavoz municipal do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, que lembrou que nalgunhas parroquias a rede municipal de saneamento apenas chega ao 10% das vivendas e non supera o 70% en ningunha delas.
Rodríguez lamentou o voto negativo do PSOE á moción nacionalista que reclamaba situar a evacuación e o tratamento das augas residuais en Gondomar como unha prioridade, destinando máis recursos tanto do propio Concello como da Deputación de Pontevedra e da Xunta. “O alcalde terá que explicar á veciñanza os motivos de non apoiar esta proposta, que parte dunha ampla demanda social”, subliñou a edil do Bloque, que contou co apoio do resto de forzas políticas da Corporación.
Como medida transitoria cara ese obxectivo dun saneamento integral, o BNG propuxo que o Concello poña en marcha un servizo municipal que xestione o baleirado de pozos negros e fosas sépticas das veciñas e veciños sen acceso á rede, cun custo similar á taxa de saneamento. Un servizo que funciona xa con grande acollida en municipios gobernados polas nacionalistas como Mondariz, Tomiño ou Ponteareas. “Paco Ferreira desbotou esta medida no Pleno escusándose no seu custo elevado, mais é posible ao igual que neses concellos, dispomos de medios e só require de vontade política”, valorou Rodríguez.
E no que respecta á ampliación da rede, a portavoz municipal do Bloque afeou que o goberno do PSOE apenas teña destinado 208 mil euros a obras de novo saneamento, dos máis de catro millóns de euros recibidos entre 2015 e 2021 do Plan Concellos da Deputación. “É hora xa de esixir unha mudanza na política de gastos e dar prioridade á saúde pública e á protección ambiental. Un saneamento deficiente reduce o benestar humano, xera enfermidades, provoca perda da calidade do medio e mesmo atrasa o desenvolvemento social e económico”, defendeu.