ALFREDO

Hai máis de sete meses, os alcaldes do Val Miñor quixeron fotografarse con membros da directiva da Cofradía de Pescadores La Anunciada de Baiona, para difundir a contratación dun estudo sobre o impacto da contaminación microbiolóxica no estuario da Foz do Miñor.

«Entón manifestaban o seu firme empeño en recuperar a zona. Tras máis de medio ano sen novas ningunha ao respecto, o BNG dos concellos do Miñor, a través do noso representante na Xunta da Mancomunidade, Iago Pereira, preguntou sobre esta suposta contratación e o seu resultado, obtendo a resposta que xa imaxinabamos. Non houbo adxudicación ningunha e polo tanto non se realizou estudo ningún«, sinalan desde o BNG.

«A este anuncio falso dos rexedores para o que incluso non dubidaron en utilizar a boa fe da confraría, súmase o rexeitamento no Parlamento Galego por parte do Partido Popular á emenda que introduciu o BNG nos orzamentos da Xunta para o ano 2023 por importe de 75.000 euros, para a realización dun estudo para a recuperación ecolóxica da Foz do Miñor que servira de base para a elaboración do Plan de Rexeneración, de cara á restauración da contorna, a eliminación da contaminación e a recuperación do banco marisqueiro«, comentan os nacionalistas.

En todo caso, dende o BNG de Baiona, Nigrán e Gondomar, «queremos reiterar o noso compromiso ineludible co saneamento da Foz e do río Miñor e de sermos decisivos na Xunta da Mancomunidade do Val Miñor tras as próximas eleccións municipais, faremos realidade a contratación do estudo falsamente anunciado polos alcaldes socialistas do val», rematan.