centro de salud de Oia
ALFREDO // Centro de salud de Oia

O pasado xoves 26 de agosto celebrouse un pleno extraordinario no concello de Oia onde se trataba a situación da sanidade no concello. Dende o BNG cualifican ese pleno como «lamentábel, aínda que ben merecía un cualificativo máis contundente. Unha sesión lamentosa ante o comportamento do equipo de goberno e a alcaldesa á fronte pola fuxida ante o asunto que alí se tratou; seica parecía un tema sen importancia para o PP ante á morea de escusas que recibimos da rexedora. O grao de “infantilismo” nos “argumentos” por parte desta persoa comeza a preocupar«, sinala o voceiro nacionalista Xosé A. Rodríguez .

O nacionalista comenta de que «antes de cederlle a palabra á oposición limitouse a ler un escrito onde botaba balóns fóra e exculpábase de calquera responsabilidade da situación do centro de saúde de Oia, porén, non perdía a ocasión de culpabilizar á oposición e ao resto do mundo do desleixo da sanidade. Acusounos de crear crispación e alarmismo na veciñanza por denunciar e informar do que acontece con este asunto, utilizou como pretextos a pandemia, que non hai médicos/as, que non hai pediatras; faltoulle dicir que o cabalo branco de Santiago era negro, non, Alazán».

Para Rodríguez «a única crispación que hai é a dos país e nais que non teñen pediatra para os seus fillos, a dos usuarios/as que non poden renovar baixas, as veciñas/os que non poden sacar unha cita médica, aos que nin sequera atenden por teléfono, as/os enfermos crónicos con enfermidades graves que levan ata dous anos sen seguimento. Iso si que é crispación, o que facemos dende o BNG é oposición, é a nosa obriga de defender os dereitos dos oienses, tamén dos que votaron ao PP. Cando di que non hai profesionais podemos estar de acordo en que centos deles tiveron que emigrar para outros países da UE como Portugal cando o PP chegou ao poder en 2012 e meteu a tesoira na sanidade».

Xuster indica que o investimento per cápita en Galicia en atención primaria é de 182,37€ mentres que no resto do estado está 206,73€. «O orzamento para atención primaria segue sendo 45 millóns de euros menos que en 2009 (-3,16%) e o recorte acumulado é de 2.381.721€. Esta situación ten consecuencias sobre o acceso ao dereito á saúde como atrasos nos diagnósticos que teñen efectos nas persoas con enfermidades crónicas (cancro, enfermidades cardiovasculares ou diabetes)«, e matiza que «solucións hai para que haxa máis facultativos/as e pediatras que pasa por facer contratos dignos rematando así coa precariedade e explotación laboral na Sanidade Pública, revisando e eliminando os concertos cos hospitais privados tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade (80 millóns de € con Povisa)».

«A alcaldesa de Oia e o seu equipo teñen responsabilidade na situación que padecemos; primeiro por deixar tirados á veciñanza e segundo porque pertencen ao partido que goberna na Xunta dende o 2009 avalando as políticas de recortes e desleixo no noso centro», finaliza o voceiro nacionalista.