Anxo Baz

O Bloque Nacionalista Galego considera unha trapallada a proposta que brindou esta o portavoz do PP, Roberto Carrero, ofrecendo a Alcaldía ao BNG, que vén confirmar as manobras contranatura que o PP aplica na política para intentar ter relevancia e xustificar a falta de iniciativa no concello da Guarda.

A desesperación do PP chega a límites inimaxinábeis. Só así se pode entender que hai un ano esixía ao alcalde da Guarda a retirada das competencias de goberno ao BNG e agora propoña unha Alcaldía do BNG.”

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, respostaba así sobre o tema ao ser preguntado pola veciñanza: «A cuestión non é ser alcalde, senón ter un modelo de concello para A Guarda, claro e definido. Queremos un goberno forte, decidido e transformador, como o que tratamos de poñer en marcha   no tempo que estivemos no goberno municipal, góstelle ou non ao PP ou ao PSOE’.

O BNG non apoiou os orzamentos do PSOE porque van ser ineficientes e non recollen acordos plenarios para solucionar  problemas concretos da veciñanza da Guarda; mais censura tamén que nos aspectos de calado e que definen un modelo de pobo, o PP estivo pegadiño ao PSOE e foi do seu brazo en temas como mobilidade  e recuperación do espazo público para as persoas ou nas estratexias para diminuír a emisión de gases á atmosfera, aspectos que son fundamentais para definir un modelo de pobo atractivo e dinámico que impulse a economía local e lle dea calidade de vida aos seus veciños.

Anxo Baz, afirmou que ‘non é momento de “inventos”, é momento de atender ao pobo da Guarda que está a pasar por momentos moi duros, polo que toca traballar para saír desta situación con iniciativas que noutras vilas o BNG puxo en marcha con éxito‘.