SERGAS

O BNG de Gondomar denuncia que o Sergas está a anular citas para vacinar da gripe a menores de 65 anos por falla existencias. Así dende o Centro de Saúde de da localidade tiveron que chamar ás persoas citadas para lles anular a vacinación até novo aviso e só poden dar citas para os maiores de 65.

Dende o BNG reclaman da Consellería de Sanidade que faga públicas as explicacións de por que, «cando se fixo un chamamento á poboación para se vacinar da gripe, a menos de dúas semanas de iniciar a campaña xa non haxa existencias, e que informen de cando se van poder retomar as vacinacións».

A vacina para menores de 65 anos ten unha composición diferente á dos maiores, e normalmente vacínanse en menor medida, “pero é inconcibible esta falla de previsión por parte da Consellería, cando todo o mundo sabía que este ano ía haber moita máis demanda”, indica a Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

«Á política de recortes de máis dunha década de goberno de Feijóo súmouselle a nefasta xestión da pandemia por parte do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), e esta é unha proba máis da súa incompetencia. Diante da pandemia a Xunta tomou a decisión de reducir drasticamente a asistencia presencial, pechar consultorios, restrinxir consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos hospitais. Na Atención Primaria a decisión de dar preferencia ás consultas telefónicas está aocasionar moitas dificultades tanto ao persoal para prestar a atención sanitaria como aos doentes para acceder á mesma», sinala Pumar.

Ante esta situación, o Bloque presenta, para o seu debate no pleno de novembro, unha moción pola reactivación da atención primaria presencial e para «reivindicar un sistema sanitario público forte, cunha Atención Primaria reforzada como porta de entrada ao sistema de saúde, sen recortes, que permita responder ás necesidades de saúde da poboación e na que máis persoal sanitario conte con recursos necesarios para a debida atención ás persoas doentes e para abordar as emerxencias sanitarias cando xurdan».