ALFREDO

O BNG da comarca de Vigo manifesta o seu total apoio á Concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira, en relación á controversia sobre a exposición fotográfica “Corpos, feminismo e territorios”, que se pode visitar nestes días na Casa do Concello. 

A organización nacionalista considera que as fotografías obxecto da polémica non son máis ca unha expresión artística absolutamente lexítima que busca visibilizar a opresión do corpo das mulleres en diferentes ámbitos, dende o institucional até a industria da beleza, pasando pola maternidade.

En relación ás dúas fotografías que focalizan os ataques por conter simboloxía católica, Ana Bringas, Responsábel Comarcal de Acción Feminista do BNG afirma que “un dos maiores espazos de opresión para as mulleres é o da relixión, en particular no noso contexto cultural a relixión católica, que historicamente construíu un modelo de feminidade patriarcal caracterizado pola submisión, a abnegación e a maternidade obrigatoria. Este modelo, encarnado na Virxe María, é incompatíbel cunha vida plena e libre para as mulleres como donas de si, e por iso o feminismo é tan crítico coa relixión, que sempre foi da man do patriarcado para impoñer unha orde social baseada no control das mulleres e dos nosos corpos”.

Desde o BNG consideran hipócrita escandalizarse por que se amosen corpos espidos nunha exposición fotográfica, cando na nosa sociedade o corpo das mulleres aparece sexualizado e obxectualizado en todo tipo de imaxes e contextos, mesmo de xeito non xustificado. “Por que molestan os corpos nestas fotografías e non molestan as mulleres medio espidas nos anuncios de coches? Por que escandaliza que as crianzas poidan ver estas fotos e non que, desde moi cativas, esas mesmas crianzas teñan acceso libre á pornografía? Pois porque na sociedade capitalista está normalizada a mercantilización do corpo das mulleres na pornografía ou na publicidade pero ‘ofende’ que as mulleres exerzan a soberanía sobre os seus propios corpos, como acontece nestas fotos”, manifesta Ana Bringas.

Mostras como “Corpos, feminismo e territorios” son imprescindíbeis para avanzar na toma de conciencia sobre as múltiples violencias patriarcais sobre o corpo das mulleres, así como para visibilizar a resistencia feminista contra todas as opresións.

Por isto, o BNG comarcal respalda o traballo da Concelleira Yasmina Moreira e a súa decisión de continuar coa exposición. Tamén condena enerxicamente os ataques persoais que está recibindo e que transcenden a lexítima discrepancia política e ideolóxica.