Desde o BNG afirman que se dirixiron en tres ocasións ao Alcalde da Guarda para alertalo de que «a actualización do catastro estaba cheo de erros. Propuxémoslle que tomaran as medidas oportunas para que a veciñanza non tivera que sufrir as consecuencias económicas duns erros dos que non eran responsábeis».

Os nacionalistas indican que «en vista da falta de resposta e interese do Alcalde nun primeiro momento, iniciamos un proceso de reunións polas parroquias afectadas e unha campaña de recollida de sinaturas para esixirlle ao Goberno Municipal que tomara as medidas oportunas».

O goberno municipal anunciou no día de hoxe que en 10 días habilitarán unha oficina técnica para atender as reclamacións da veciñanza.

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz agradeceu aos veciñas e veciños este logro do que dixo “que con toda seguridade non se produciría de non darse o proceso de mobilización veciñal que se produciu” ao mesmo tempo que anunciou que “desde o BNG seguiran atentos para que se atenda como corresponde as xustas reclamacións veciñais”.

Os nacionalistas conclúen esta primeira rolda de asembleas o próximo luns na Praza do Castro ás 20:00 horas despois de terse reunido nos últimos días coa veciñanza de Camposancos, Salcidos, Buxán, A Gándara e a Cruzada.