Segundo o BNG, a reforma do Centro de Saúde do Porriño foi presentada como un investimento estrela da Xunta de Galicia na vila. Din que era unha obra moi esperada, pois a carga populacional do concello e da comarca esixe unha infraestrutura de maior tamaño. «Unha vez que se están a finalizar as obras, as persoas usuarias están a denunciar graves deficiencias nas novas instalacións».

«Existen eivas en diferentes aspectos da accesibilidade, dende o exterior ó interior. Non se lle deu unha solución á forte pendente existente entre as rúas Tranvía e Doutor Paz Varela para entrar nas instalacións. Isto pon en perigo a seguridade das persoas, singularmente, as que van en cadeira de rodas e que acceden desde estas rúas ás instalacións. A entrada do edificio é excesivamente pequena, o que non lles permite un fácil acceso a todas as persoas usuarias, singularmente, á xente con mobilidade reducida por ir en cadeira de rodas ou con carro de bebé. Os corredores de conexión entre as distintas seccións son demasiado estreitos. Só hai un elevador para todo o centro. Da mesma maneira, as salas de espera tamén presentan un tamaño moi reducido», comentan os nacionalistas..

Outro motivo de queixa din é que o centro siga, aínda a día de hoxe, dous anos despois de iniciarse a ampliación, en obras. Ademais, co novo centro non se cubriu outra esixencia das persoas usuarias da atención primaria: a ampliación de especialidades médicas como saúde mental, pediatría ou xinecoloxía, imprescindibles dadas as características demográficas do concello.

«No mes de maio publicouse na prensa que a renovación vai ter un sobrecusto de 640.000€, o que eleva o gasto total da reforma aos 5 millóns de euros. Este incremento aprobado está destinado a afrontar illamentos de fachadas ou renovación de chans e escaleiras, aspectos estruturais do proxecto que se teñen que solucionar de forma extraordinaria pola falta de planificación», aseguran dende o BNG.

O grupo municipal do BNG instará o Goberno Local a que reclame ante a Xunta solucións a estas deficiencias. “Alejandro Lorenzo, en lugar de exercer de alcalde e defender os intereses da cidadanía, escolleu facer de delegado do PP, un PP que volve desprezar O Porriño”, expón Pedro Pereira, concelleiro do BNG local. “A ampliación foi usada polo PP como unha estratexia de propaganda política. Desde o BNG vimos reclamando, a través de mocións, a necesidade de melloras nos servizos sanitarios do noso municipio ante a pasividade dun Goberno Local do PP que se adica a convocar a certos colectivos a unha improvisada mesa local de saúde para ‘promover un estilo de vida saudable”.