O BNG denuncia o «estado de abandono no que se atopan os colectores marróns de materia orgánica no municipio«. Din que a falta de limpeza e a escasa frecuencia de recollida están a «provocar focos de insalubridade«, con presenza de moscas e cheiros insoportábeis. «Esta situación é unha mostra máis do desleixo e a falta de implicación do alcalde, Roberto Carrero, e do seu equipo de goberno«, aseguran.
“Se hai un mes advertiamos de que este abandono ía provocar sancións, agora atopámonos ademais cun problema de saúde pública nas nosas rúas de non poñerlle remedio en breve. A situación pode volverse crítica coa subida das temperaturas«, sinala Anxo Baz.
“A falta de limpeza envía unha mensaxe nefasta á cidadanía. Se a administración non garante unha recollida periódica e o mantemento adecuado dos colectores, está boicoteando o esforzo da veciñanza por separar os residuos» afirma o nacionalista que lamenta “que o grupo de goberno fora incapaz de concretar no último pleno a periodicidade da recollida».
Anxo Baz remata esixindo “a limpeza e desinfección inmediata de todos os colectores, o incremento da frecuencia de recollida así como a posta en marcha dunha campaña real de concienciación da veciñanza para o uso do colector marrón”.
