Nunha nova reunión con representantes das asociacións de espadeiros, o BNG volve  recoller a indignación e o estado de impotencia do sector, que ten retidas dende o ano pasado un inxente número de toneladas de peixe legalmente capturado que a día de hoxe o Goberno Español non autoriza vender.

Na reunión telemática á que asistiu o deputado do BNG no Parlamento Español Néstor Rego, a deputada no Parlamento Galego Rosana Pérez e o voceiro municipal Anxo Baz, puxéronse de manifesto  unha serie de reclamacións aos ministerios de pesca e transición ecolóxica do Estado Español que deixan a unha parte da  frota guardesa e galega nunha situación moi delicada.

Da cota que dispoñía a frota para a captura do marraxo no 2020, o ministerio de transición ecolóxico español traslada a Bruxelas a proposta de cota 0. Unha medida que non atende a ningún criterio de sostibilidade (social,económico ou ecolóxico). Os barcos galegos están suxeitos a unha estrita fiscalización das capturas e cooperan coa administración levando observadores abordo, mentres outras frotas non comunitarias pescan sen ningún tipo de control.

O portavoz municipal do BNG na Guarda, Anxo Baz considera que “o goberno municipal da Guarda non pode permanecer calado e debe posicionarse con claridade fronte o grave prexuízo que o Goberno Español impón ao palangre de superficie do que dependen moitas familias da localidade”.

Pola súa parte a portavoz de pesca do BNG no Parlamento Galego Rosana Pérez fixo constar que “as propostas de ampliar as cotas de marraxo en base a estudos científicos e de darlle saída ao peixe almacenado, saen aprobadas por unanimidade no Parlamento Galego, pero chocan en Madrid co goberno do PSOE e Unidos Podemos. Por desgraza, non é nada novo que os partidos con dependencia de Madrid defendan aquí unha cousa e no Goberno do Estado Español practiquen o contrario”.

O deputado no Parlamento Español Néstor Rego comprometeuse novamente a trasladar estas reclamacións ao Goberno do Estado na procura dunha solución urxente para o sector.