JOSIÑO // Calla Carabela La Pinta

A asemblea local do BNG en Baiona acordou por unanimidade “rexeitar a proposta difundida en prensa do día de onte, na cal o Sr. Alcalde, Carlos Gómez, afirma que vai proceder á deshumanización da rúa Carabela a Pinta abríndoa permanentemente ao tráfico, salvo en puntuais ocasións”.

«Non só a veciñanza vese beneficiada por contar cun espazo peonil no centro da vila, sinón tamén o comercio, ao aumentar os tránsitos a pé e optimizando a afluencia de potenciais clientes», apuntan dende o BNG quen considera «errado afirmar que as vías con tránsito rodado benefician ao comercio local, tendo en conta tamén que nesta rúa ningún dos seus edificios conta con aparcamento soterrado. A apertura permanente ao tráfico non xenerará aparcamentos que beneficien ao comercio, posto que as prazas dispoñíbeis serán nomeadamente ocupadas por residentes«.

«Unha das señas de identidade da xestión municipal do BNG é a humanización das vilas e cidades, mediante unha reordenación que devolva as rúas á veciñanza e alonxe os vehículos dos espazos de tránsito. A avenida semipeonalizada de Carabela a Pinta replicaba ese modelo, aínda que o Partido Popular non se atreveu a completar esta humanización cunha peonalización na súa totalidade», sinalan os nacionalistas.

O BNG lembra que os recoñecementos internacionais que ten o Concello de Pontevedra non veñen por «encher de coches o seu centro urbán, sinón por todo o contrario. O Premio Cidade de Pedra, o Premio Internacional de Dubai auspiciado pola ONU, o Premio Movilidade Sostíbel, o Active Designs ou o Intermodes englosan as filas de galardóns que certifican o éxito deste modelo«.

O BNG demandará do Alcalde de Baiona unha reconsideración desta medida «porque a veciñanza explicitou claramente que quería un cambio de rumbo e unha Baiona mellor xestionada», finalizan.