O BNG de Gondomar continúa en Peitieiros coa rolda de encontros veciñais abertos a toda a veciñanza. Neste caso será o vindeiro luns, 8 de maio, ás 20h no Centro Cultural e Veciñal da parroquia.

Tal como indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, estas reunións de proximidade pretenden ser un espazo de diálogo e intercambio de ideas. Tamén queren que se convertan nunha oportunidade para dar conta do traballo feito polo BNG nos últimos meses, responder preguntas ou dúbidas da veciñanza, escoitar as súas propostas, demandas, críticas.

Desde o saneamento, a seguridade viaria ou os servizos de conciliación familiar, pasando pola sanidade, o transporte ou oferta cultural, Rodríguez indica que “o encontro está aberto a todos aqueles temas que a propia veciñanza queira trasladar co propósito de identificar necesidades concretas referidas á parroquia ou ao concello”.  

Desde o BNG animan a veciñas e veciños a participar activamente desta xuntanza onde se recollerán propostas e conclusións que servirán de base para a elaboración de iniciativas para presentar no Concello, na Deputación ou no Parlamento Galego.