O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar cualifica de “indecencia antidemocrática” a fichaxe dun tránsfuga na candidatura de Paco Ferreira. A fronte nacionalista censura a incorporación de Manuel Gómez na lista socialista, após ser expulsado no ano 2009 por asinar como tránsfuga a moción de censura contra o Goberno do Bloque. Unha decisión contraria ao Pacto Antitransfuguismo, subscrito polo propio PSOE, e que desde a fronte nacionalista esixen que se rectifique por “hixiene democrática”.

Ante un PSOE desesperado que bota man de tránsfugas que lle fixeron o traballo sucio ao PP, dende o BNG presentamos unha candidatura honesta, comprometida e fiábel para o noso concello”, defendeu a concelleira e candidata do BNG á Alcaldía de Gondomar, Manuel Rodríguez. “Gondomar non merece o retorno das políticas das cloacas”, engadiu, reclamando esta marcha atrás por parte dos socialistas.

A edil nacionalista valorou que detrás desta decisión está o “medo do actual alcalde a perder a maioría absoluta». “Paco Ferreira volve demostrar que o seu único obxectivo é manterse no poder, incluso recuperando a quen entregou a alcaldía ao PP, cando anos atrás el mesmo aseguraba que o seu partido non ía permitir o retorno de tránsfugas como Manuel Gómez. Non ten nin proxecto, nin palabra”, afeou.

Na mesma liña, Rodríguez criticou que esta incorporación conte coa beizón do secretario xeral dos socialistas na provincia e delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades. “Resulta inaceptábel que a dirección do PSOE consinta estas prácticas que atentan contra os máis elementais valores democráticos e que van en contra do Pacto contra o Transfuguismo que recolle expresamente que non se poden incluír a tránsfugas nas candidaturas”, remachou a candidata nacionalista.