Manuela Rodríguez Pumar

O BNG de Gondomar denuncia arbitrariedade e actitudes autoritarias no establecemento e comunicación dos aforos máximos permitidos no interior e exterior dos establecementos da hostalaría local, e insta ao alcalde, Paco Ferreira, e á Concelleira de comercio, turismo, emprego edinamización económica, Rocío Goberna, «a explicaren se hai un só criterio ou se hai unha dobre vara de medir dependendo de onde estean situados os establecementos».

Así mesmo, tamén lles piden que expliquen a que «obedecen as actitudes autoritarias mostradas por destacados membros das forzas de seguridade que nas últimas semanas, e sen ningún tipo de comunicación previa por parte do goberno municipal, estiveron a percorrer os establecementos hostaleiros da vila para medir interiores e terrazas e establecer, en función da superficie e das indicacións da Orde da Xunta de 25 de febreiro, o número de mesas e clientes que poden ter nelas».

A organización nacionalista insta ao alcalde a convocar urxentemente unha Xunta de Voceiras/os na que formular unha batería de preguntas que permitan aclarar estes feitos.

A portavoz municipal do Bloque, Manuela Rodríguez, considera inconcibible que nun momento de extrema debilidade do sector, con peches de negocios, despedimentos e viabilidades dubidosas, «no canto de apoio e información o goberno local decida poñerlles máis difícil a súa recuperación».

“¿Pasou a Concelleira Rocío Goberna, a que lle pagamos 32.000€ brutos ao ano cos nosos impostos e taxas, tamén ás da hostalaría, polos establecementos de Gondomar interesándose pola situación vivida polo comercio e, sobre todo, pola hostalaría desde marzo de 2020?”, pregúntase Rodríguez. “¿En que emprega á súa dedicación exclusiva que nin sequera ten tempo de lles explicar aquelas cousas que tanto afectan ás súas empresas? ¿Sabe cantos postos de traballo crean no concello? ¿Impórtalle o número dos que se perden pola crise económica que está a xerar a pandemia? ¿Que ten feito desde a súa concellaría por estes sectores? ¿Que axudas lles destinou?.

«Dende o BNG instamos ao alcalde e o seu goberno a unha mudanza de actitude: máis comunicación e colaboración, é o que o sector precisa. Porque se non coidamos a hostalaría e o comercio, cantos outros negocios van perdurar en Gondomar, Sr Ferreira?«, finalizan