Manuela Rodriguez Pumar

O BNG de Gondomar denuncia a «mala planificación e o caos da política cultural do grupo de goberno socialista. Case dous meses despois da toma de posesión, e tras asegurarse por Decreto as mesmas retribucións da pasada lexislatura malia perder representatividade, o goberno local de Gondomar dá mostras do seu desleixo cunha programación cultural cambiante, improvisada, mal organizada e non publicitada».

“Á concepción da cultura como un fotocol particular do Sr. Alcalde que inauguraron en mandatos anteriores, súmase agora a desorganización que non só deu lugar no que vai de verán a dous programas diferentes, senón que anuncia eventos para datas en que despois non se ten coñecemento da programación ou esta, directamente, non existe”, declara a concelleira e portavoz do BNG, Manuela Rodríguez Pumar.

Para o BNG é sintomático desta situación que mesmo o «Decreto de dedicacións exclusivas sexa contradito pola información que o propio Ferreira traslada nas redes sociais». “Quen ostenta a responsabilidade de cultura, Chamorro ou Goberna? Por non falar da web do concello que segue recollendo que o responsábel de cultura é o edil do mandato anterior”, indica Rodríguez. As nacionalistas consideran inaceptábel que a estas alturas estas cousas aínda non están debidamente aclaradas e recollidas. “Como é posíbel que un alcalde tan pendente das redes sociais descoide deste xeito a web oficial do concello?”, pregúntanse. “Preocúpalle máis encher o seu propio Facebook que velar porque a páxina do concello este debidamente actualizada. Puro personalismo”, conclúen.

Como exemplo, a voceira do Bloque indica que esta fin de semana estaba anunciado o Festival internacional de circo, con inicio no venres 11, «como se pode comprobar no cartel da programación que mesmo se atopa na porta do Concello ou no taboleiro de anuncios pegado na fachada. O que non figura aí, nin en ningún lugar, é a programación do Festival. Nin sequera no día en que comezaba o festival. Nin iso, nin modificación ningunha. Só se difundiu, apenas hai dous ou tres días, a actuación de peche do domingo 13. Que pasou co resto do Festival?”, preguntase Pumar e engade, «e mentres reinaba o silencio máis absoluto sobre a programación do festival anunciado para esta fin de semana, nas redes sociais ninguén respondía ás preguntas sobre a programación realizadas polas veciñas e veciños».

O BNG considera este proceder como un desprezo manifesto á cultura en xeral e aos seus traballadores en particular, «persoas que tamén dependen de retribucións económicas que existirán se as políticas culturais que se realizan son serias e debidamente organizadas». Por esa razón, a portavoz do BNG reclamará «información sobre este e outros eventos, sobre a organización dos mesmos, se se asinaron ou non os contratos pertinentes, cando e como se contactou coas entidades e/ou asociacións protagonistas. Farémolo porque a información que recadamos até agora fálanos de que estas tarefas non se asumiron coa seriedade debida, a pesares de que quen as tiña que xestionar, o goberno de Paco Ferreira, teñan as súas dedicacións exclusivas ben garantidas”, lamenta Manuela Rodríguez.