O Bloque Nacionalista Galego vén de elixir Manuela Rodríguez Pumar como candidata á Alcaldía de Gondomar para as municipais de 2027. A Asemblea local nacionalista outorga así a seu aval unánime a actual portavoz municipal e deputada provincial como cabeza de cartel para as eleccións locais de maio do vindeiro ano.
A organización destacou o traballo de Rodríguez neste mandato que situou o proxecto do Bloque como “única alternativa real e solvente fronte á inacción” do Goberno local. A electa asegurou, após ser nomeada pola militancia, que concorren aos comicios coa aspiración de ser “unha forza decisiva para a futura gobernanza do Concello, para rematar dunha vez co desgoberno actual e para lle dar a Gondomar o impulso que precisa”.
A candidata Rodríguez defendeu na súa intervención que o BNG ten o obxectivo de demostrar que é posíbel outra forma de gobernar que mellore a vida no concello. Que é posíbel gobernar para construír un Gondomar con “oportunidades” diante da “parálise” na que o ten sumido o actual Goberno municipal, que se demostrou estes anos “incapaz” de dar resposta ás necesidades veciñais e de facer avanzar o concello.
A Asemblea Local nacionalista puxo en valor a intensa actividade tanto a nivel institucional como no plano social durante os últimos tres anos. Un traballo en que, como continuidade do realizado no mandato anterior, o Bloque seguiu a apostar pola participación das veciñas e dos veciños de Gondomar para marcar as prioridades políticas.
O aval do traballo feito
O BNG preséntase ás vindeiras municipais co aval do traballo feito, como forza política que presentou o maior número de iniciativas e a única que está a realizar, de xeito periódico, campañas informativas nas parroquias para explicar á veciñanza cuestións que lle afectan directamente: obras, servizos, ordenanzas, alegacións e outros asuntos.
Tamén reivindican o seu papel de oposición activa e construtiva no Concello, coa demanda de actuacións e a proposta de alternativas e solucións. Entre elas as relativas á falla de servizos básicos como a auga ou o saneamento, aos problemas de seguridade viaria e de transporte ou á escaseza de servizos municipais de conciliación familiar, poñendo o foco tamén na desigualdade de trato ás parroquias en contraste co centro da Vila.
Nese sentido, Rodríguez destacou que «o Bloque conta cun proxecto para as próximas municipais para dinamizar o municipio. Cun modelo diferente e moderno, á vez que serio e rigoroso, pensado para unha mellor calidade de vida nun concello con servizos públicos para todos e en todas as parroquias”. E ofrece para Gondomar un goberno “que escoite e responda ás necesidades da veciñanza e que goberne á pe de rúa, non desde as redes sociais”, remachou a candidata á Alcaldía.
