O BNG de Gondomar inicia unha campaña a prol do saneamento integral do concello. Unha campaña de información que buscará a participación de veciñas e veciños e que incluirá recollida de sinaturas, mesas de debate nas parroquias e elaboración de novas iniciativas sociais e institucionais, para esixir do goberno local un plan estable de investimentos en saneamento.

O subministro de auga potable e a evacuación e tratamento das augas residuais son dous servizos básicos que os concellos deben garantir por ser de competencia municipal. “A día de hoxe a cobertura da rede municipal de saneamento no noso concello cobre escasamente o 10% das vivendas nalgunhas parroquias, e en ningunha delas pasa do 70%. Como hai vinte anos”, indican dende o BNG.

A carencia de saneamento obriga en moitos casos a manter pozos negros ou fosas sépticas, cuxas filtracións provocan a contaminación das terras, dos acuíferos e mananciais, e deixa inutilizados os pozos de auga, as fontes e mesmo as terras de cultivo. Mentres, “o alcalde permítese alardear na prensa de que está a facer agora o que outros non atenderon, como se el non levase xa seis anos na Alcaldía”. “saneamento foi unha das promesas estrela da campaña electoral de Ferreira en 2019, promesa que resultou papel mollado, poisestá claro que non é unha prioridade para este goberno municipal”, lembran desde o BNG.

O Plan Concellos da Deputación e as prioridades do alcalde de Gondomar

O Plan Concellos da Deputación basease na cooperación a través da concesión de axudas económicas que os concellos xestionan tendo en conta as súas necesidades, sendo os propios concellos os auténticos promotores, os que definen as prioridades e os que determinan libremente as obras e actuacións a incluír no mesmo. E o obxectivo principal do Plan e, literalmente, “buscar o equilibrio territorial, a fin de garantir a implantación e a prestación integral e adecuada dos servizos básicos de competencia municipal en todos os núcleos de poboación, con independencia da súa localización xeográfica e do seu carácter rural ou urbano para que, en definitiva, haxa as mesmas oportunidades e a seguridade dunha calidade de vida similar, vivan onde vivan as persoas”.

O alcalde de Gondomar incumpre ese obxectivo. Así o demostra cando, “dun total de 3 millóns de euros recibidos entre 2015 e 2020 do Plan Concellos da Deputación para investimentos en infraestruturas, sódestinou 208.000€ a obras de novo saneamento, algunha aínda se rematar”, apunta a concelleira nacionalista, Manuela Rodríguez. “Resulta máis indignante aínda saber que ten cargado a eses fondos obras “tan necesarias” como a remodelación do seu despacho (51.000€) ou a máis recente construción do parque lúdico canino (85.000€), que está a ser cuestinado mesmo por persoas expertas en adestramento de cans”.

Fica claro que este goberno “prioriza os caprichos de Ferreira sobre as necesidades básicas da veciñanza.” Diante desta actitude irresponsable e da situación de emerxencia ambiental e social que provoca, o BNG de Gondomar considera necesario iniciar unha campaña de concienciación e implicación da veciñanza, para esixir do goberno local un plan estable de investimentos de cara ao saneamento integral do concello.