O BNG de Gondomar, ante a convocatoria de eleccións para o vindeiro 12 de xullo, ven de solicitar do goberno local que, a maior brevidade posíbel, se poña en contacto coas persoas responsábeis de cada un dos locais que, sen consulta previa, puxo a disposición da xunta electoral provincial para seren utilizados para as votacións do 12 de xullo e que aparecen publicados no Boletín Oficial da Provincia de hoxe (BOP número 98, de luns 25 de marzo de 2020).

Partindo da base de que se debería consultar a dispoñibilidade de cada local para cada cita electoral, nesta ocasión faise aínda máis necesario, dadas as medidas de seguridade que haberá que ter previstas para o desenvolvemento da xornada electoral por mor do coronavirus”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

O BNG insta ao goberno local a demandar de Feijóo, que é quen convoca, o protocolo a seguir na xornada electoral. En virtude dese protocolo, revisar a idoneidade da localización das mesas de votación nos locais electorais, para asegurar que en todos os casos se permita manter as distancias de seguridade tanto para as persoas integrantes das mesas, como das que van votar, condición necesaria para que as eleccións se desenvolvan con todas as garantías.

Tamén solicita que nos casos de locais privados parroquiais, que son maioría, se revise cada caso coas persoas representantes das entidades para, se for preciso, estudar a posibilidade de reubicación das mesas dentro do mesmo local ou buscar un alternativo, coa celeridade que permita modificar na Xunta Electoral a relación de mesas dentro dos prazos establecidos.

Para o BNG, “hai varios casos no concello nos que os lugares habituais non permiten esa garantía polas dimensións ou acceso ás mesas. Ademais, como xa ten comunicado o BNG para as eleccións de 2015, 2016 e 2019, sen efecto e sen resposta, nalgún caso atópanse en lugares con barreiras arquitectónicas (escaleiras) que dificultan o exercicio do voto a persoas con mobilidade reducida, en zonas elevadas (escenarios) con risco de caídas, ou en espazos pouco acondicionados”.

O BNG insta tamén ao Concello a ofertar espazos abertos para actos electorais

A concelleira do Bloque solicita tamén “que na relación de espazos para desenvolver actos electorais que se pon a disposición da Xunta Electoral se inclúan espazos abertos, solicitude que ten feito o BNG en citas electorais anteriores e que nunca foi a atendida, pero que cobra máis importancia neste momento xa que facilitan moito máis o tan indicado distanciamento físico.

A ese efecto, solicita que se inclúan as prazas públicas da vila e, previo contraste coas entidades das que dependan, espazos abertos nas parroquias (adros, torreiros de festas, etc), que faciliten desenvolver actos ao aire libre que permitan maior garantía de distanciamento físico entre as persoas, e contribúan o achegamento da mensaxe política á veciñanza, tendo en conta ademais o bo tempo que se espera que faga no mes de xullo.