O BNG de Gondomar rexeitou no pleno deste martes a proposta do goberno municipal do PSOE de adxudicación do contrato de concesión dos servizos de abastecemento e saneamento á empresa UTE Aqualia-Sogesel-Seys.

A formación nacionalista lamenta que o executivo de Paco Ferreira nin sequera valorase a posibilidade da remunicipalización e critica que o goberno local aposte pola xestión privatizada destes dous servizos básicos, cun contrato a vinte anos que os encarece e que non resolve as carencias  do concello.

A portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez defendeu que os servizos municipais “deben estar xestionados desde o público, con criterios de interese xeral, calidade e atención ás necesidades da veciñanza, e non en función do beneficio empresarial” afirmou. Desde o Bloque destacan que coa xestión privada a empresa facturará ao Concello IVE, gastos xerais e beneficio empresarial, e a veciñanza, ademais das subas previstas nas cotas, terá que asumir o pagamento do IVE ao tratarse dun prezo privado e non dunha taxa pública.

A formación nacionalista critica que o contrato presentado polo goberno local non resolva os problemas estruturais do concello. Segundo sinalan, os investimentos previstos “apenas permitirían realizar unhas 150 novas conexións ao saneamento, unha cifra moi afastada das arredor de 3.000 vivendas que continúan sen este servizo esencial”, lembra Rodríguez. Ademais, alertan de que os proxectos aínda teñen que ser redactados de novo pola concesionaria, polo que existe o risco de que o alcance final das obras sexa incluso menor debido á suba de prezos.

O BNG considera especialmente grave que o executivo municipal deixase fóra do contrato o servizo municipal de baleirado de fosas sépticas para as vivendas que carecen de saneamento. Unha medida que debería ser urxente para atender as necesidades da veciñanza afectada pola limitación dunha rede de saneamento, que “practicamente non medrou nos case once anos de desgoberno do PSOE de Paco Ferreira”.

Tamén criticou Rodríguez Pumar que non se contemple medida ningunha para resolver os problemas de abastecemento de auga na parroquia de Vilaza, que se mantén nunha situación de incerteza desde hai máis de dez anos.

A organización lembra que existen alternativas públicas para a xestión destes servizos, como empresas municipais, consorcios ou fórmulas compartidas a través da Mancomunidade do Val de Miñor, posibilidades que mesmo aparecen recollidas en documentos impulsados polo propio goberno local, pero que sempre quedan en ‘papel mollado’.

Por todo isto, o voto do BNG non foi favorable á proposta presentada polo goberno municipal, ao considerar que non garante nin unha mellora real dos servizos nin a mellor defensa dos intereses da veciñanza de Gondomar.