O BNG vén de solicitar, a través da súa Portavoz Municipal Manuela Rodríguez, a convocatoria urxente do Consello Municipal da Muller (CMM) co fin de elaborar e valorar propostas de actuación por parte da Concellería de Igualdade en relación ao 8M.

O Consello Municipal da Muller (CMM) é un órgano consultivo que dá participación ás mulleres na vida municipal. Polos seus obxectivos, e por estar conformado por mulleres representantes dos colectivos feministas, sociais, sindicais e políticos con presenza no concello, “debería ser o espazo onde se puxeran en común as accións e eventos a levar a cabo no concello de Gondomar en relación a esta data e de acordo ao contemplado no vixente Plan de Igualdade Municipal”, afirma Rodríguez.

Hai xa máis de cen anos que o movemento feminista situou o 8 de marzo como unha data internacional de reivindicación e loita pola igualdade de dereitos das mulleres. “E tamén desde o ámbito local debemos fuxir da conversión do 8M nunha data rutineira, e recuperala como motivo de reivindicación e loita”, defende o BNG.

A situación de desigualdade das mulleres na Galiza

A situación económica e social derivada da pandemia da covid-19, sumada a situación de precariedade e desigualdade previa, recae de forma importante nas mulleres galegas. Segundo o último informe do Foro económico galego, de decembro de 2021, podemos constatar o maior impacto da crise entre as mulleres. Por exemplo, o 75,5% das persoas ocupadas a tempo parcial en Galiza no último trimestre de 2021 foron mulleres, o emprego temporal medra máis nas mulleres, un 13,5% fronte a tan só un 3,2% entre os homes e teñen a maior taxa de temporalidade (28,2% fronte ao 23,9% no caso dos homes). Ademais, a ilegal fenda salarial segue a ser unha realidade que en Galiza supera os 4.000 euros ao ano.

A esta situación de desigualdade laboral, que a non derrogación da reforma laboral do PP por parte de PSOE e Podemos vai agravar, súmase a desigualdade derivada da falta de servizos públicos, que alimenta unha economía mergullada na que milleiros de mulleres traballan sen recoñecemento e condicións dignas.

“As mobilizacións arredor do 8 de marzo deben servir para sermos conscientes das cuestións pendentes e inaprazables da axenda feminista”, e desde o BNG instan ao cumprimento por parte das administracións daquelas máis urxentes. Nese sentido o BNG de Gondomar ten sinalado abondo que “a Administración local, por ser a institución máis próxima á veciñanza, debe ser unha referencia para combater a desigualdade entre mulleres e homes. Non abondan os lazos violeta ou as camisolas reivindicativas en días sinalados, precísase demostrar vontade política e considerar o traballo pola igualdade como unha cuestión transversal e prioritaria da política municipal”.