ALFREDO

O BNG de Gondomar vén de presentar unha moción pola inclusión do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), e das persoas Técnicas de Emerxencias Sanitarias (TES) no servizo de ambulancias non urxente no grupo de persoal de primeira liña no ámbito sanitario e socio-sanitario co fin de programar a súa vacinación fronte á covid-19 nesta primeira fase.

As persoas traballadoras destes dous servizos non figuran como persoal de primeira liña no Plan Galego de Vacinación Fronte ao SARS-Co V-2 e non son considerados prioritarios a pesares de desenvolver labores esenciais e ter un alto nivel de risco tanto de ser contaxiados como de contaxiaren a outras persoas.

O colectivo do persoal socio-sanitario do Servizo de Axuda no Fogar denuncia que están na primeira liña de atención a persoas dependentes, polo que é necesario que teñan medidas especiais de protección ante o contacto directo coas persoas usuarias que poderían estar infectados e que compoñen tamén a poboación máis vulnerable e con maior risco da sociedade. Prestar o servizo en diferentes fogares, a falla de control sobre os contactos de cada persoa á que atenden ou a inexistencia de protocolos de actuación unificados nos casos de persoas infectadas ou sospeitosas de COVID, xa que cada empresa concesionaria e/ou cada concello xestionan esta cuestión segundo os seus propios criterios, fan moi arriscado o seu labor.

Tamén o persoal TES do servizo de ambulancias non urxente reclama a mesma consideración que o persoal sanitario e socio-sanitario que traballa en residencias de persoas maiores e de atención a persoas con gran discapacidade, xa que fan os traslados destas usuarias, ou servizos de coidado non intensivo e servizos en unidades con pacientes de alto risco (oncoloxía, hematoloxía, diálise, etc.), e teñen contacto coas persoas doentes á hora de asistilas, movelas, acomodalas, sentalas, deitalas, nun espazo tan reducido como unha ambulancia.

Diante desta xusta reivindicación, pola maior garantía sanitaria de persoal do SAF e TES e das persoas ás que atenden, a voceira do BNG no concello de Gondomar presenta esta moción na que solicita do Pleno da Corporación municipal o acordo de instar á Xunta de Galiza a incluír ás persoas que traballan no Servizo de Atención no Fogar (SAF) e ás persoas Técnicas de Emerxencias Sanitarias (TES) no servizo de ambulancias non urxente, no grupo de persoal de primeira liña no ámbito sanitario e socio-sanitario co fin de programar a súa vacinación fronte ao SARS-Co V-2 nesta primeira fase.