O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha moción na que solicita o apoio da corporación municipal para demandar do goberno do estado a rebaixa a 10% o IVE dos salóns de peiteado, estética e barbarías.

Despois de manter varias reunións con representantes do sector, o BNG decidiu levar ao Congreso a demanda de baixar o tipo impositivo dos salóns de peiteado, barbería e estética de 21% actual a 10%. Primeiro cunha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado, que foi rexeitada polo voto negativo dos dous partidos do Goberno, PSOE e Unidas Podemos, e agora o BNG rexistra de novo unha iniciativa para que esta mudanza sexa debatida unha vez máis no Congreso e se inste o Goberno a baixar o IVE a 10%, unha medida máis necesaria que nunca para afrontar en mellores condicións a situación de crise social e económica xerada pola pandemia de COVID-19.

O BNG denuncia que o sector paga neste momento as consecuencias dunha decisión inxusta. En setembro de 2012, en plena crise económica, o Goberno do Partido Popular aprobou unha suba do IVE para algunhas actividades de 8 a 21%, de modo que os salóns de peiteado e estética tiveron que facer fronte a un incremento de 13 puntos dun día para outro. Debido á baixada do consumo naquel momento de inestabilidade económica, o sector decidiu manter os prezos e non trasladar a suba á clientela, xa que, tal e como prometera daquela o Goberno de Rajoy, a suba ía ser temporal, mais a día de hoxe o tipo mantense.

O deputado do BNG destaca que “máis de oito anos despois o sector, ao igual que toda a sociedade, está a vivir outra profunda crise económica derivada da COVID19. As restricións horarias, as limitacións á mobilidade, a redución dos aforos, e a minguada capacidade adquisitiva de usuarios e usuarias, fan que manter as portas abertas sexa un desafío todos os días.

A pesar de que durante o máis duro do confinamento, en pleno Estado de alarma, os salóns de peiteado foron considerados unha actividade esencial e seguiron abertos dando un servizo público, non encontraron nos Gobernos a axuda que necesitaban e viron denegada a única medida que reclamaban de forma urxente para garantir seguir abrindo todos os días: a baixada do IVE a 10%. Neste sentido, desde o deputado Néstor Rego salientou que “efectivamente, as perruqueiras e perruqueiros cumpren unha importante función social, pois, ademais da estética, encárganse de atender as necesidades de moitas persoas dependentes ou de avanzada idade para as que o lavado de cabelo e peiteado non é vaidade, é hixiene”.

O BNG considera que é de xustiza reclamalo e que non repercutiría negativamente na recadación na medida en que esta baixada do IVE facilitaría que sigan contribuíndo á Facenda pública, porque serviría de axuda directa e permitiría manter abertos moitos negocios que, doutro modo, se verían na obriga de fechar ou pasar á economía somerxida no servizo a domicilio e que, por tanto, deixarían de pagar impostos.

A organización nacionalista presenta esta moción en Gondomar “xa que son moitos os negocios do sector que desenvolven a súa actividade e xeran postos de traballo no concello, e que se verían beneficiados pola redución do tipo de IVE”, indica a Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez.