BNG de Oia
BNG de Oia

O BNG de Oia presentou o pasado sábado, na casa da cultura de Oia, a lista de candidatos ao Goberno municipal que encabeza Xosé Antón Rodríguez (Xúster).

O acto foi presentado pola profesora Marisa Guerra Canizo, que forma parte da lista do BNG ao Concello de Oia. Tomou a palabra en primeiro lugar Cecilia Pérez Orxe, candidata ao Senado nas Eleicións Xerais, animando a traballar pola consecución dos obxectivos do BNG.

Falou despois o candidato á Alcaldía de Oia, Xosé Antón Rodríguez, quen comezou a súa intervención falando da orixe do nome co cal é coñecido en Oia, Xúster, pola súa afección ao fútbol que practicou dende pequeno.

Fixo despois unha exposición do bo facer e o progreso dos concellos gobernados polo BNG en Galiza que son exemplo a seguir. A continuación resaltou a valía dos candidatos e candidatas que presenta o BNG ao Concello de Oia e convidou a todo o mundo a participar nas decisións de Goberno dentro do proxecto do BNG, un proxecto do pobo e para o pobo.

Por último, presentouse a lista completa dos candidatos e candidatas do BNG ao Concello de Oia alí presentes.