Coincidindo coa celebración do 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, o BNG da Guarda ven de presentar unha moción no Concello, na que solicita á Xunta de Galicia o incremento dos recursos económicos para a loita contra a violencia de xénero nos vindeiros orzamentos de 2022, así como o reforzo e ampliación da rede de Centros de Información ás Mulleres.

A pandemia da covid-19 está a provocar unha importante crise sanitaria, social e económica que afecta de forma moi intensa a realidade de moitas mulleres, un dos sectores máis afectados da nosa sociedade. Durante todo este período, aínda que invisibilizada, a violencia machista continuou connosco.

Esta crise obriga a moitas mulleres en situacións de precariedade económica,  a que non sexan capaces de dar o paso de presentar  unha denuncia. As institucións deberan asumir un papel máis proactivo na detección e intervención fronte a violencia machista. “Sería moi importante recuperar a presencialidade na atención sanitaria, por exemplo, xa que no centro de saúde  pódense detectar moitos casos”. Sinala Bea Lomba, concelleira do BNG.

É preciso, polo tanto, abordar a necesidade de fortalecer os medios existentes,  reforzando a rede de Centros de Información ás Mulleres para garantir a cobertura do conxunto do territorio,  así como a dotación dos medios humanos e materiais necesarios para reforzar o cadro de persoal daqueles CIM que  cada día asumen unha maior carga de traballo.